English
Español
Français

PEN Galicia

CENTRO PEN GALICIA: IMPULSO E PROXECCIÓN DA LITERATURA GALEGA

 

Antecedentes

O primiero intento de crear unha sección galega do  PEN (fundado pola escritora inglesa Amy Dawson Scott,  en 1921, en Londres) tivo lugar na xuntanza celebrada o 14 de abril de 1977, no Instituto da Lingua Galega, antiga Facultade de Filoloxía, Praza de Mazarelos, Santiago, por un grupo de escritores e escritoras formado por Eduardo Blanco-Amor, Xesús Alonso Montero, Xosé María Castroviejo, Xosé Chao Rego, Alexandre Cribeiro, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Marino Dónega, Francisco Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Xosé F. Filgueira Valverde, Domingo García-Sabell, Bernardino Graña, Ramón Martínez López, Sebastián Martínez Risco, Xosé Luis Méndez Ferrín, Uxío Novoneira, Reimundo Patiño, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, María Xosé Queizán, Luis Seoane, Lorenzo Varela,  Antón Tovar, e outros (ata completar corenta e sete autores e autoras). O proxecto, inmediatamente apoiado polo PEN catalá, non tivo resposta, xa que o International PEN só admitía, daquela, literaturas representativas de países con Estado.

 

Galicia no PEN Internacional

Cando o PEN Internacional revisou aquel criterio erróneo e restrictivo, a finais da década dos 80, outro grupo de 27 autores e autoras, constituído por Xesús Alonso Montero, Vicente Araguas, Alberto Avendaño, Fermín Bouza Álvarez, Darío Xohán Cabana, Xoán Manuel Casado, Carlos Casares, Alfredo Conde, Xosé Fernández Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Antonio García Teijeiro, Luís González Tosar, Carlos G.Reigosa, Úrsula Heinze, Modesto Hermida, Arcadio López-Casanova, Antón L. Dobao, Ramón Lorenzo, Marina Mayoral, María Victoria Moreno, David Otero, Xesús Rábade, Antón Risco, Xavier Rodríguez Barrio, Andrés Torres Queiruga, Xohana Torres e Helena Villar cursou a Londres, o 12 abril de 1989, a solicitude de creación do PEN Galicia. Comisionouse, daquela, a Úrsula Heinze e a Luís González Tosar para que asistisen, en calidade de observadores, ao 53º Congreso que celebrou en Maastricht (Holanda), do 7 ao 12 de maio dese ano de 1989. O día 10, a proposta de integración dos escritores e escritoras en lingua galega foi debatida pola Asemblea e resultou admitida por unanimidade.

 

Constitucion e traxectoria do Centro PEN Galicia

O 9 de marzo de 1990, en Santiago de Compostela, os escritores Carlos Casares, Alfredo Conde, Úrsula Heinze, Salvador García-Bodaño, Luís González Tosar, Modesto Hermida, Ramón Lorenzo, Xesús Rábade, Helena Villar, Xohana Torres, Antón L.Dobao e Alberto Avendaño, en nome do resto dos membros fundadores, acordaron que o PEN Galicia fundamentase a súa actuación no labor de proxección exterior da literatura en lingua galega, na promoción interna das nosas letras e na defensa das liberdades de expresión e de opinión. Constituíse, pois, nesa data, a asociación cultural Centro PEN Galicia, sen fins de lucro e conforme aos Esatutos que a rixen desde entón, aprobados o 13 de decembro de 1990. A Comisión Xestora escollida polos anteditos, quedou formada por: Alfredo Conde (Presidente), Luís González Tosar (Secretario), Modesto Hermida (Tesoureiro) e Carlos Casares, Úrsula Heinze e Helena Villar ( Vogais).

Teñen sido presidentes do PEN-Galicia:  Alfredo Conde (de 1990 a 1991), Úrsula Heinze (de 1991 a 1996) e Carlos Casares (de 1996 a 1999). Nos seus 22 anos de andadura, o colectivo foi incorporando poetas, novelistas, ensaistas, dramaturgos… e, en xeral, a relevantes creadores vinculados ao mundo do libro e da lectura do sistema literario de noso. Pertencen, na actualidade, ao PEN de Galicia 98 escritores e escritoras, representativos dos diversos xéneros literarios e das diferentes xeracións.

Neste tempo transcorrido o PEN galego organizou infinidade de actos e tomou parte en numerosos foros e eventos internacionais representando a Galicia. Desde o Centro PEN-Galicia temos reclamado a liberdade para escritores e xornalistas presos polas súas ideas, poñendo todos os medios ao noso alcance para denunciar a persecución, que moitas veces acaba na morte, de escritores e xornalistas no mundo enteiro. O PEN galego asinou, en 1997, un documento promovido pola UNESCO relativo a “Dereitos lingüísticos e tradución”. -pertencendo a nosa asociación ao Comité de escritores presos e ao Comité de Dereitos lingüísticos e tradución do PEN Internacional.

 

ACTIVIDADES MÁIS SALIENTABLES

 

O 60 Congreso Internacional do PEN en Santiago (1993)

 En maio de 1992, Alfredo Conde, Úrsula Heinze e Helena Villar, asistentes ó 59º Congreso celebrado en Funchal (Madeira), promoveron a Santiago de Compostela para sede da seguinte xuntanza mundial de escritores (1993) candidatura que foi aceptada por unanimidade. O 60º Congreso do PEN tivo lugar, pois, en Santiago de Compostela, do 6 ó 12 de setembro de 1993, con grande éxito. Máis de trescentos escritores e escritoras chegados de todos os puntos do orbe representaron a 120 Centros PEN en 102 países.

Participaron, asimesmo, como convidados de honra, Camilo José Cela, Salman Rushdie, José Saramago, Jorge Amado, Gonzalo Torrente Ballester, Nélida Piñón e João Ubaldo Ribeiro, entre outras grandes figuras da literatura. Naquel histórico Congreso aprobouse  a "Declaración de Compostela”, texto básico para a defensa das liberdades de expresión e opinión desde a perpectiva do multiculturalismo e do multilingüísmo.

 

Os premios “Rosalía de Castro”

O Centro PEN de Galicia instituiu, en 1996, os premios "Rosalía de Castro",  destinados a galardoar o conxunto da obra dun destacado autor ou autora, das literaturas veciñas da galega (en lingua castelán, catalá, portuguesa e vasca).

Cos “Rosalía de Castro” temos distinguido, cada dous anos, a personalidades tan relevantes da escrita como Jose Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, Joan Perucho e Bernardo Atxaga (1ª edición, 1996); António Lobo Antunes, Manuel Vázquez Montalbán, Miquel de Palol e Juan Mari Lekuona (2ª edición, 1998); Sophia de Melo, José Angel Valente, Pere Gimferrer e Angel Lertxundi (3ª edición, 2000); Ernesto Sabato, Nélida Piñón, Ricard Salvat e Felipe Juaristi (4ª edición, 2002); Francisco Brines, Carme Riera, Ramón Saizarbitoria e Rubem Fonseca (5ª edición, 2004); Isabel Allende, Josep Palau i Fabre, Arantxa Urretabizkaia e Agustina Bessa Luís (6ª edición, 2006); Álvaro Mutis, Mia Couto, Jon Kortazar e Joan Margarit ( 7ª edición, 2008) e Antonio Gamoneda, Lêdo Ivo, Itxaro Borda e Francesc Parcerisas ( 8ª edición, 2010). 

 

O ano da renovación (2000). Día Mundial da Poesía.

 En decembro de 1999 comeza unha etapa de renovación que coincide coa visita ao noso país do presidente internacional, o poeta mexicano Homero Aridjis, e do secretario internacional, o ensaísta sueco Terry Carlbom. O noso PEN organizou, en Santiago de Compostela, a WORLD POETRY DAY/ CELEBRACIÓN MUNDIAL DA POESÍA (do 21 ó 24 de marzo de 2001) en colaboración coa UNESCO e mailo PEN Internacional. A este evento asistiron máis de cen poetas, chegados de todos os continentes, entre eles dous premios Nobel: Derek Walcott e Wolé Soyinca.

 

Premio de poesía “Caixanova” / Colección “Arte de trobar”

En 2002, coa colaboración de CAIXANOVA, lanzamos o PREMIO CAIXANOVA DE POESÍA e a colección “Arte de Trobar”, da que se levan publicados trece títulos. O premio vai na X convocatoria. Tamén en 2002 celebrouse a actividade: "Poesía, arte e natureza" (Cecebre, A Coruña, 4 de abril), e o 26 de decembro do mesmo ano, no faro de Fisterra, en colaboración co concello daquela localidade, o PEN manifestou a súa solidariedade cos afectados pola catástrofe do Prestige: "Poetas contra marea negra".

 

Galardón “Voz de liberdade”

En 2003 instituíuse o “ Premio PEN Galicia-Voz de liberdade”, co que se ven recoñecendo o labor de autores e autoras destacados na defensa da liberdade de expresión. Na primeira ocasión o galardón recaeu en Bernardino Graña, a quen seguiron Úrsula Heinze (2005), Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo (2007) e Marcos Valcárcel (2009). En 2004 organizouse o ciclo "Escritores no Camiño/ Writers on the Road" a través de dous encontros: Descordo de amor: Occitania en Galicia (Samos, Lugo), do 29 ó 31 de maio, e Galicia e Iberoamérica: Un mundo literario (Santiago de Compostela), do 12 ó 15 de xullo. Nese mesmo ano, 2004, o PEN encabezou a conmemoración do 25 cabodano de Eduardo Blanco-Amor, organizando unha “ Xornada blancoamoriana”, que vimos celebrando anualmente cada 1º de decembro, coa participación dos alumnos e alumnas dos IES de Ourense, data do falecemento de Blanco-Amor, como recoñecemento ao autor de A esmorga, novela da que lembramos os seus 50 anos.

 

Bienal Literaria “Compostela, de pedra e de palabra”

Santiago de Compostela -cidade declarada pola UNESCO, en 1985, Patrimonio da Humanidade- reúne, como capital de Galicia e como meta de camiños de peregrinación e de cultura (“Europa naceu peregrinando a Compostela”, J. W. Goethe), pola súa historia, monumentalidade e tradición literaria, as condicións óptimas para ser un dos referentes mundiais da literatura, em pe de igualdade com Guadalajara (México), Buenos Aires, Frankfurt, Barcelona, Nova York... Polo tanto, o noso PEN impulsou o proxecto “Compostela de pedra e de palabra”. Iniciativa que contou co patrocinio do Consorcio de Santiago e da Consellería de Cultura da Xunta. Celebráronse xa seis edicións, respectivamente entre 2006 e 2016.

 

Publicacións

No capítulo de publicacións, PEN Galicia edita as seguintes coleccións: “Arte de trovar“ (poesía, 23 títulos). Colección “O gato tradutor” (tradución de poesía e prosa (do galego a outras linguas e doutros idiomas ao galego), 6 títulos). Colección “Currupa literaria” (destinada a obras distintas desde o punto de vista dos lectores, 2 títulos).

 

Contenido más reciente en: